PORQUEIRA

Poboacions de Porqueira:

A FORXA ABELENDO AGRO AIRAVELLA

BRUXUEIRA

EIDO DA RIBEIRA EIDO DAS LAMAS FARAMIÑAS FARAMONTAOS

FILGUEIRA

FONTEMOURA GANDARA LAGOA LOVIOS MARTICES
NOCELO PARADELA DE ABELEDA PENINNOVO PORQUEIRA QUINTAS
REBOREDO RETORTA RIAL ROSENDO SABUCEDO
SAN LOURENZO SAN MAMEDE DE SOBREGANADE SEVER SOBREGANADE SOUTELO
TELLADAS TORRE TOXAL XICIN

Abelendo (San Lourenzo), Agro, Airavella, Bruxueira, Eido da Ribeira, Eido das Lamas, Faramiñás, Faramontaos, Filgueira, Fontemoura, Forxa, Gándara, Lagoa, Lovios, Martices, Nocelo, Paradela de Abeleda (San Xoán), Peninnovo, Porqueira (San Martiño), Porqueira (Santa María), Quintas, Reboreda, Retorta, Rial, Rosendo, Sabucedo (San Salvador), San Lourenzo, San Mamede de Sobreganade, Sever, Sobreganade (San Mamede), Soutelo, Telladas, Torre, Toxal, Xocin

SITUACIÓN XEOGRÁFICA

Este pequeno municipio de 43 quilómetros cadrados e 1311 habitantes pertence a comarca da Limia Alta; limitando ó norte con Rairiz de Veiga, polo sur con Calvos de Randín e Blancos, ó leste con Xinzo de Limia e polo oeste con Bande e Muíños.

Os habitantes distribúense en seis parroquias que comprenden 30 entidades de poboación. As parroquias son Paradela de Abeleda, Abeleda, San Martiño de Porqueira, Santa María de Porqueira, Sabudedo de Limia e Sobreganade. A súa capital é A Forxa, que dista de Ourense 52 quilómetros.

O municipio está situado nun estreitamento de A Limia, entre as vertentes máis suaves da Raia Seca e o río Limia. A valgada drenada polo río segue unha dirección de leste a oeste e serve de límite setentrional ó municipio, encaixándose entre os montes de Bande e a Serra do Xurés.

COMUNICACIÓNS

Para acceder ó Concello de Porqueira o camiño máis directo e rápido dende Ourense é colle-la estrada nacional 525 en dirección a Madrid, e ó chegar a Xinzo de Limia desviarse á dereita para colle-la estrada comarcal OU- 301 en dirección a Bande atopándose Porqueira a 12 quilómetros de Xinzo. Ó vir de Madrid polo autoestrada, deixarémola en Xinzo para colle-la comarcal OU-301 da que falamos con anterioridade.

HISTORIA:

Dentro do que é a historia do municipio de Porqueira, debemos facer referencia ó desaparecido mosteiro e ó castelo, do que actualmente só se conserva a torre. Con anterioridade ó século X o mosteiro parece que foi de carácter familiar e hereditario e así o atestigua o feito de que no ano 1127 Fernando Núñez vendera ó bispo de Ourense parte do mosteiro. Máis tarde (mediados do século XII) foi rexentado pola Orde de Coengos Regulares de San Agustín. Alfonso VII, no ano 1157 cedeulle-lo castelo de Porqueira a Catedral de Ourense.

Un dos momentos de máximo auxe deuse a mediados do século XIV, cando se fundou a Orde dos Xerónimos e estes rexentaron o mosteiro. Por outro lado o castelo foi ocupado polo Duque de Lancaster en 1387 con motivo das guerras pola coroa de Pedro I, iniciadas en 1366. A partir da segunda metade do século XV no castelo, que entón pertencía ós Benavente, viuse envolto na sublevación irmandiña.

O 24 de outubro de 1181, en Benavente, Fernando II confirmou a igrexa de Ourense e a seu bispo Don Alfonso, polos servicios prestados, a terceira parte de Porqueira recibindo o cobro de trescentos soldos.

O 18 de outubro de 1191, en Molgas, Alfonso IX confirmou a igrexa de Ourense e ó seu bispo Don Alfonso a doación de parte do mosteiro de Porqueira "que de antigo pertence a xurisdicción real", doación feita por Alfonso VII.

En maio de 1204, en Troncoso, Alfonso IX vendeu ó bispo don Alfonso por dous mil cincocentos soldos canto tiña e lle correspondía en Porqueira.

O 27 de xuño do mesmo ano, en Benavente, o rei fixo unha nova escritura concretando que estaban incluídos os seus dereitos e a cantidade era de tres mil soldos, que recibiu de man de Arias Paelas.

O 2 de agosto do mesmo ano 1204, en Alcaicas, vendeulle-la terceira parte por catro mil reais.

Na serie de Castrelo de Veiga, en maio de 1228, Afonso IX confirmou estes documentos: o 19 ó de Alcaicas, o 22 ó de Trancos, e o 24 ó de Benavente.

O mosteiro fíxose coñecido, principalmente ó ocupalo a orde dos Xerónimos, que tan só tiveron este na provincia. Esta implantación non pode ser anterior a mediados do século XIV no que se fundou a Orde. Din as noticias que o prior Jordán construíu a igrexa e o claustro.

O castelo tivo de novo importante intervención nas guerras pola coroa de Pedro I, iniciadas nestas terras en 1366. Na primavera de 1387, o duque de Lancaster, no epílogo destas guerras, apropiouse del nunha fugaz ocupación.

Volvendo ó mosteiro, o prior Jordán titulábase abade de San Lourenzo, prior e señor de Guía e Cartelas, así como señor xurisdiccional de A Forxa. Os seus sucesores continuaron levando o título señorial e a facultade de nomear xuíz ordinario e escribán para cada un das catro entidades. O párroco de Santa María a Real de Porqueira conservou o título de prior. Un deles peiteou ca Mitra acerca dos seus dereitos e regalía, e para eximirse de visita pastoral, a Cámara decidiu a favor do prior, posto que pertencía ó padroado real.

Ó longo da Idade Moderna, e segundo un proceso de ruína común a todos, foron desaparecendo as edificacións do castelo e quedou só a torre. Despois de 1837 no que foron creados, aposentábanse nela as oficinas do Concello de Porqueira e máis tarde pasou a propiedade particular, o cal en máis dunha ocasión, algunha recente, puxo en perigo a existencia da torre, que se puxo a venda como canteira de sillares.

MONUMENTOS E MUSEOS:

Sta. María a Real:

Sta. María a Real non ofrece máis indicio que o seu nome respecto do elemento eclesiástico da historia de Porqueira. Sinálase pola altura dos muros. A fachada ten catro (falsas) faixas, porta rectangular, cartela, fiestra, fornela, anagrama de María, placa, cinco tríglifos e moi boa espadana. Os muros son lisos, de moi boa sillería, e o cruceiro aínda máis alto que a nave. Hai unha doela románica de baquetóns e bolas, encaixada no parámetro da rectoral.

No interior, o cruceiro é de gran alarde. Ten bóveda de arista, o que non fai botar de menos a cúpula, as súas tres capillas son de medio canón; as bóvedas son todas de soberbia cornixa e de gran voo en especial sobre as pilastras. No testeiro hai un retablo pintado e ocultando a súa parte inferior outro de talla de estípites rematado en semicírculo e precedente dun arco moito menor. No cruceiro hai catro altares, neoclásicos e dourados. A nave, cos tres "arcos fajones", é moito máis sinxela.

Esta obra fíxose sendo prior don Juan Gómez Coello en 1870.

A torre:

O castelo ten a particularidade de estar na aresta do val e non na da montaña, xa que a súa misión era impedir a penetración dende Portugal por esta veiga do Limia. A Torre conserva o aparello orixinal do XII, coas xuntas erosionadas e un coroamento de ménsulas non tan xuntas como as da Torre de Pena, pero moi ben conservadas aínda que desapareceran as ameas. A entrada, antes máis alta que o terreo por lóxico motivo de defensa, ten agora acceso por unha escaleira de pedra. A porta de entrada da acceso a unha escaleira interior que ten a media altura unha fiestra semellante a porta da que o tímpano non chega ó semicírculo.

Pode ser que a instalación do Concello acelerase a desaparición das edificacións e murallas para deixa-lo contorno despexado de muros desteitados e derrubados. De tódalas maneiras, é neste contorno e por un muro baixo como se recoñece perfectamente o recinto.

NATUREZA

Fervenza do río Fírbeda:

Sobre a localidade de A Forxa, o escabroso terreo polo que baixa o río Fírbeda forma un paraxe delicioso, salvaxe e agradable ó mesmo tempo, pero sobre todo íntimo e resgardado. O outono confire ó lugar unha deliciosa policromía de tons, contrastes e cores.

O río Fírbeda-Río das Mestas discorre entre os municipios de Calvos de Randín e Porqueira para a tan só uns cantos metros de alcanza-la localidade A Forxa romper violentamente as súas augas polo corto traxecto dun canón tan sinuoso como espectacular. Divisa-la fervenza ofrece un interesante xogo de posicións, pétreas atalaias de altitude considerable cortadas en vertical a partir do mesmo leito fluvial. Chegar ata os puntos máis avanzados desta especie de labirinto de miradoiros naturais, compensa xa só polo feito de notarse como instalado no espacio, con tódala fervenza moi preto e o abismo baixo os nosos pés, pero por esto entraña tamén certo risco que convén sopesar con anterioridade.

Logo desto, non é preciso avanzar para divisa-la fervenza, e aínda é posible deslizarse polos sinuosos sendeiros trazados entre as rechas ata o fondo, xunto ó río. A considerable merma de caudal que supón o verán facilítanos a aproximación a través do mesmo leito. Fronte ó estío, o outono volve a conxuga-lo espectacular co agradable.

A Fraga que rodea a Ferbenza e ó río ata ocultalos por completo ós ollos do visitante é un continuo crisol de tonalidades cromáticas tan inverosímiles como inenarrables son as sensacións que produce.

O ascenso ó lugar, sempre a través dos vellos camiños de servidume do vecindario a partir de A Forxa, representa un agradable paseo pola marxe dereita do río Fírbeda segundo o seu curso. Incluso paradoxicamente, o río queda aquí nun segundo plano ata que polo menos alcanzamo-la espectacular fervenza.

Festas:

Entre as festas e romarías que se celebran merecen ser mencionadas a festividade do Carme, con unha romaría na ermida "Virxe da Veiga" na localidade de San Mamede, e as festas patronais na honra de San Bieito, que se celebra

o primeiro fin de semana do mes de agosto. Despois de mencionar estas dúas festas cabe destacar tamén outras como por exemplo: o Corpus na parroquia de San Martín, San Lourenzo na parroquia de San Lourenzo, a Virxe da Saúde na aldea de Paradela, Santa Rita en A Filgueira, San Antón na aldea de Rial, San Roque en O Toxal, e San Pelaio na aldea de Lobios de Sever.

Vista da Limia dende o monte de Porqueira

TORRE DA FORXA

ç

Cataratas do Firvida na Forxa

www.xinzodelimia.info dojagosa@hotmail.com