| | Lendas da Lagoa de Antela e da Limia | ![]() |
A lenda conta que antigamente no lugar que hoxe ocupa esta lagoa houbo unha cidade chamada Antioquía, coñecida porque os seus veciños carecían de calquera mostra de caridade.
A lenda narra que Deus quixo castigalos pero Xesús propuxo redimir ós máis xustos baixando á cidade en forma de mendigo. Percorreu así tódalas casas pedindo esmola sen que ninguén se apiadase del. Xa de volta, aflixido, e mentres estaba cruzando unha carballeira, viu unha casa habitada por unha muller anciá á que tamén lle pediu esmola. A muller ofreceulle unha cunca de leite e un anaco de bica e tamén abeiro para pasa-la noite.
Á mañá seguinte Xesús amosoulle á anciá o que fora da cidade de Antioquía. A muller quedou sorprendida ó ver que a cidade desaparecera e que no seu lugar había unha lagoa. Ninguén se salvara, agás ela...
Nas mañanciñas de San Xoán, co primeiro raio de sol, aínda se pode ver no fondo o campanario da igrexa. E na Noiteboa, ás doce en punto, óese o canto dos galos.
O río Limia, ao seu paso pola comarca de Xinzo (Ourense), é tamén coñecido como Río do Esquecemento, ou río Lethes, que lle chamaban os romanos. Os antigos habitantes prerromanos dicían que a quen o cruzaba esquecíaselle todo. Cando as lexións romanas se achegaron á comarca da Limia cando invadiron Iberia, correu a voz entre as tropas do problema que ían ter se cruzaban o río. Segundo se di, negáronse a facelo e foi polo que un dos centurións Decimo Xuño Bruto tivo que armarse de valor e cruzalo primeiro pra que o resto dos soldados se atrevesen a facelo. Unha vez na outra orilla, chamou a cada un po lo seu nome pra amosalle que non se esquecera, e asi empezaron todos a cruzalo. Hoxe en día, no verán, hai unha coñecida festa en Xinzo para celebrar precisamente este feito, e a "Festa do Esquecemento".
A Pedra Alta é un menhir, tamén é coñecido como Antela, e é a que dá nome á lagoa de Antela. Era o marco divisorio de tres concellos da provincia de Ourense: Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreáus, que forman parte do Val de Antela ou A Limia A virxe ía voando de camiño a Cortegada dende o monte Poedo levando a pedra na cabeza e ó chegar onde está hoxe, caéulle quedando chantada no chan. Outros dín que era unha moura que ía fiando á vez que levaba a pedra na cabeza.
Había alá en tempos de Castela un pai que tiña moitas fillas e unha delas comia moita carne, canto mais lle daban, mais comia.
Un día o Pai díxolle: -"Ainda vas comer carne cos lobos o monte"-
Foi Palabra maldita, que aquela noite desapareceu, sen saber que foi feito dela. Saíu e emborcallouse e volveuse unha fada, e unhas veces andaba de lobo e outras de muller. Foi desandando, desandando ata que chegou ás " Canellas de Agras" de Tosende.
Por eses montes andou moito tempo de Capitana de lobos, paraba no monte do Cebreiro e facia moitos estragos na facenda e na xenten cando estaba de lobo. Cando estaba de muller, acendia o lume e xuntábanse os lobos derredor dela, e non lles deixaba facer mal ningún a ningén.
Unha vez cando viñan os homes do sal de Portugal, os lobos queríanos comer, e ela díxolles:
-"Quietos, deixádelos pasar".
Así andou moito tempon ata que lle levantaron a fada. Adoitaba ir comer fariña a un muiño, estando o amo dentro quíxose meter por debaixo da porta coma sempre, e o meter a pata, o muiñeiro quíxolle cortar unha pata cunha navalla, ó principar a cortar, meteu un berro e volveuse unha muller, asi que se víu muller, quixo voltar a casa, e preguntou de pobo en pobo ata que chegou, os da sua casa o vela tiveron moita delicia.
Para o verán, os de Tosende forón a sega a Castela e foron segar a casa da tal; ela pregunroulle que donde eran, e dixeronlle que eran de Tosende e de Aguís,:
-"Pois esos pobos coñeciaos eu moi ben e coñezco o Cebreiro e as Canellas da Agra".
- ¿E logo como é pra os coñecer?.
- "Pois tiven que andar por ali de fada, e fixen moitos estragos e por nigún tiven tanta pena coma por un rapaz que comín, e eu estabao despadazando e el rindo cara a min".
- Pois ainda se fala por ali desa fada e dende que ela marchou estase moi agusto; dixeronlle os de Tosende..
No concello de Xinzo, na Limia (Ourense), aló pola parroquia de Guntimil, hai un lugar chamado Mosteiro. Disque o nome venlle de que as casas están feitas coas pedras dun antigo mosteiro que fora abandonado. As súas ruínas fican nun outeiro moi frondoso e teñen sona entre os vellos de gardar baixo a terra un tesouro. Contan que a comezos do século pasado chegaron a Mosteiro un grupo de ingleses co Ciprianillo na man, con sachos, picos e pás para cavar. Non puideron. En canto os paisanos se decataron, botáronos a pedradas. E aló debe continuar o tesouro, porque hai cousas que é mellor non remexer.
Moitas lendas se contan sobre o mosteiro,
1º- Unhos Cabaleiros Portugueses toparon unha imaxe de Xesus neno, e construiron unha Capela pra cobillala, a fama que foi collendo o lugar, aproveitouse pra instalar unha comunidade ofrecida a orde de San Francisco
2º - 1520 Fundación do Bon Xesús de Trandeiras. Nos documentos que conta a súa fundación aparece a lenda dos mosquitos Como soldados encantados do rei Artús, ademais da descrición da zona naquelas épocas.
Dos Exércitos de Rei Artús
da Lagoa de Antela.
Texto 1: »E unha era que como había moitos charcos e lameiros, chegado o verán saían deles tantos mosquitos cínifes que, erguéndose á posta do sol, pola veiga abaixo voando, resplandecían as ás que parecían armas, e os da terra que os vían dicían e afirmaban que era o rei Artús que estaba encantado co seu exército naquela veiga. Así ó crían porque dicían que seus pais e avós, e devanceiros así o dixeran e afirmaran. Estas e outras malicias, parvadas e pecados quitáronse e desterráronse co novo edificio». Texto 2: »...e coa calor do sol no verán espállanse pola atmosfera unha nube inmensa de zoadores cínifes que mortifican de día e de noite, e non cabe existan en ningunha parte tantos nin tan carraxentos e sañudos. Á antiga superstición pagá sobre o eterno e universal esquecemento que producía o beber ou atravesar as augas do Leteo, o vulgo sempre crédulo e amigo do marabilloso, substituíu outra nos tempos cabaleirescos que aínda duraba ós principios do século XVI, de ser estes alados e armados insectos os exércitos encantados do rei Artús, transformacións das que falaron tanto os romances nacionais e extranxeiros».
Do Penedo do Arangaño de Cortegada
O Penedo do Arangaño ou Angaraño atópase en Cortegada, concello de Sarreaus, ) nun dos montes da parroquia de Os Castelos. Ten gran grosor e unhas proporcións de 1,5 m de alto e 3 m de diámetro, aproximadamente. O penedo era bo para curar unha enfermidade moi común entre os nenos pequenos, que consistía nun avultamento da barriga; como consecuencia non comían e ata podían chegar a morrer. A xente maior do lugar conta que como se facía o rito: levávase ao meniño ata o penedo e a nai metíao polo burato, despois a madriña recollíao pola saída do penedo. De seguido quitábaselle a roupa ao neno e colgábase das árbores que están arredor e logo vestíase o meniño con roupa nova. Como sinal de agradecemento tirábanse moedas dentro do penedo e púñase un cirio acendido. Hoxe en día aínda podense ver restos de candeas e hai uns anos era posible atopar moedas. Algunhas persoas din que só era necesaria a presencia da nai e dunha axudante. Outras tamén din que á vez que se pasaba ó meniño por debaixo do penedo había que dicir unhas palabras ¨máxicas¨, algo así como: —Comadre miña, heiche vai o angaraño; vóltamo sano e vivo.
Das Mouras do Treboal
Os penedos do Treboal están en Covelas, concello de Os Blancos (Ourense). Neste penedos vivían unhas mouras, e unha rapaza de nome María que andaba co gando polo monte sentíu que berraban por ela. Achegouse ás penas e as mouras dixéronlle que lle daban unha cesta con fabas que se convertirían en ouro se non llo contaba á nai; de dicirllo, matábana. María prometeu non dicir nada, foi para a casa coa cesta de fabas e pousouna enriba dunha arca. Pero a nai cismaba: —Que levas? —Non cho podo dicir. —Ou me dás a cesta ou douche unha malleira! María cacabou por darlle a cesta e, como se pode supoñer, as fabas seguiron sendo fabas e non se transformaron en ouro. Ao día seguinte a rapaza volveu ao monte. As mouras chamaron por ela e logo matárona. Cando se decataron da tardanza, a nai e a veciñanza foron tras dela pero axiña lles respondeu unha das mouras: —Mariquiña, Maricola, con aceite e allo metida na barrigola!
Do Carro de Ouro da Touza
En Covelas, Os Blancos (Ourense), nun lugar chamado A Touza había un carro de ouro. Para poder sacalo había que ler moito e sen parar. Unha noite o avó dun tal Roque foi aló e empezou a ler. Leu e leu, sentiron un tremor moi grande e afundiuse a terra. Seguiu lendo ata que saíron os estadullos do carro, que eran de ouro, pero, de repente, sumiuse todo; o home non deu lido máis.
Dos Chourizos na mina dos Mouros
En Covelas, Os Blancos (Ourense), hai unha mina dos mouros que vai desde Nocedo ata Valdarca. Unha vez entrou nela un home coa intención de facerse co ouro que dicían que tiñan alí gardado os mouros. Entrar, entrou, pero non daba saído; tiveron que ir os veciños por el. O home dixo que non dera co ouro, pero que atopara chourizos e “de todo”.
Da Casa da Moura
En Calvos de Randín, un pobre que ía a mañá cedo pra feira do 12, o pasar po la casa Moura, saiulle un mouro e prguntoulle,
-¿E logo, pra onde vai?
-Vou a feira a mercar unhos porquiños.
-¿ E ten moitos cartos pra os mercar?
-Ai, señor, eu cartos téñolle pouquiños.
-Pois ven, merca duos porcos dos mellores que haxa, e despois esperame ali, ti e mais quen chos venda. Que despois vou eu a pagalos.
Pasou todo segun dixera, e cada un quedouse cun porco.
Enton o mouro díxolle ó home- ¿ todas as mañás cedo traesme medio neto de leite, non chames, soio deixao niste sitio senalado, e teras un peso todo los dias. e non digas nada que estas cousas non se poden contar.
Por moito tempo o home levou o leite e colleu os cartos en segredo.
Mais a sua muller , sempre lle andaba dicindo,- ¿ de donde te veñen os cartos?, que antes non tíñamos a egora temos moitos, seguro que tes unha amiga que chos da.
O home díxolle, - non muller, ti come e bebe e amin déixame que non teño amiga ninguhna.
Tanto a muller insistíu, que acabou por contarlle todo.
O home veu pra o outro día a mañá a levar o leite, e en vez de cartos, atopuo un corno cun letreiro que dicia:
"Falaches
Corneaches".