Carlos Casares

Carlos Casares Mouriño Carlos Casares naceu en Ourense en 1941, viviu en xinzo de Limia e morreu en Vigo en 2002. Escritor e crítico literario, foi unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas. É autor de obras tan significativas como as novelas Ilustrísima e Os mortos daquel verán e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Dirixiu a editorial Galaxia e a revista Grial ata o seu pasamento. Carlos Casares naceu en Ourense o día 24 de agosto do ano 1941. Cando tiña catro anos foi vivir a Xinzo de Limia, onde transcorreu a súa infancia. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Como escritor Casares optou radicalmente pola narrativa. A crítica distingue dúas etapas na súa obra: unha vangardista e anovadora que se inicia en 1967 co libro de relatos Vento Ferido; e outra máis realista que comeza en 1980 con Ilustrísima. Publicou numerosos libros, especialmente novelas e contos, pero tamén obras de ensaio e investigación. Para nenos, ademais de traducir Le petit prince ao galego co título de O principiño, escribiu unha peza de teatro, As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, o conto titulado 0 can Rin e o lobo Crispín e a serie que ten por protagonista ao neno inventor Toribio. Da súa ampla produción bibliográfica destacan as novelas Cambio en tres; Xoguetes para un tempo prohibido; Ilustrísima; Os mortos daquel verán; Deus sentado nun sillón azul e os libros de relatos Vento ferido e Os escuros soños de Clío. Unha parte da súa actividade xornalística, que exerceu a diario en La Voz de Galicia, foi recollida no volume Na marxe de cada día. En 1977 foi elixido membro da Real Academia Galega e en 1982 deputado económico polo PSdeG-PSOE. Dende 1996 foi presidente do Consello da Cultura Galega. Recibiu o Premio Xunta de Galicia á Creación Literaria (1989) e o I Premio Otero Pedrayo das deputacións galegas. Combinou a actividade literaria coa dirección da editorial Galaxia e a revista Grial.

www.xinzodelimia.info Contador Gratis